Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Acceso e Admisión

Perfil de Ingreso


Titulados que pertenzan á rama de coñecemento de "Ciencias Sociais e Xurídicas" e, dentro dela, os titulados en Dereito, Educación, Psicoloxía, Traballo Social e Socioloxía.


Requisitos de Acceso


Para acceder a este Mestrado oficial será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou outro expedido por unha institución de educación superior do Espazo Europeo de Educación Superior que faculta no país expedidor do título para o acceso aos ensinos de Mestrado.

Así mesmo, poderán acceder os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior sen necesidade da homologación dos seus títulos, previa comprobación pola Universidade de que aqueles acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e que facultan no país expedidor do título para o acceso a ensinos de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión o interesado, nin o seu recoñecemento a outros efectos que o de cursar os ensinos de Mestrado.


Criterios de admisión


Será función da Comisión Académica do Mestrado seleccionar aos/as estudantes admitidos/as no programa, tendo en conta preferentemente o expediente académico dos candidatos, ademais do seu currículo vitae. Neste sentido, será condición para acceder a unha das 25 prazas que se ofertan no Mestrado estar en posesión dunha titulación que pertenza á rama de coñecemento de "Ciencias Sociais e Xurídicas" e, dentro delas, terán preferencia os titulados en Dereito, Educación, Psicoloxía, Traballo Social e Socioloxía.

Polo demais, terán preferencia á hora de matricularse os solicitantes de matrícula ordinaria (que comprende os 60 ECTS de que consta o título). Con todo, permítese tamén a matrícula a tempo parcial e, para ese efecto, das 25 prazas ofertadas, pódense cubrir con esta modalidade de matrícula ata un máximo de 5. Os matriculados a tempo parcial deben matricularse de, polo menos, 30 ECTS, os cales se deberán cursar na orde en que está estruturado o plan de estudos.