Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Máster Universitario en Menores en situación de desprotección e conflito social

O Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social é un mestrado oficial da Universidade de Vigo, de 60 ECTS, que se dirixe a formar profesionais e investigadores con capacidade de deseñar, poñer en práctica e liderar proxectos e procesos de investigación en materia de desprotección e conflitividade social dos menores de idade, desde unha perspectiva xurídica, psicolóxica e socio-educativa.

Á súa vez, tamén se pretende que este mestrado sexa un punto de encontro interdisciplinar para o debate, a análise crítica e a posta en común de ideas tendentes a mellorar a protección xurídica e os mecanismos de intervención psicosocioeducativos que teñen como destinatarios aos menores en situación de risco, desprotección ou conflito social.

Trátase dun mestrado cunha traxectoria consolidada que se imparte ininterrompidamente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo dende o curso 2009/2010. Ten o seu antecedente inmediato no Curso de Doutoramento e Especialista en Menores en situación de desprotección e conflito social, que tamén se impartiu nesta Facultade de modo ininterrompido entre os cursos 2004/2005 e 2008/2009.

Desde o curso 2010/2011, o Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social foi seleccionado pola Fundación Carolina para ofertar dúas bolsas anuais para estudantes de países iberoamericanos. Para cursar o título en 2026/2027 recibíronse 1231 solicitudes, sendo un dos mestrados máis demandados.