Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

O xoves día 17 de setembro, ás 17.00 horas, o estudantado matriculado no Máster en Menores no curso 2026/2027 foi recibido pola Coordinadora (Prof. Teresa Estévez Abeleira) e a Secretaria Académica do Máster (Prof. Marta García Mosquera), que lle deron a benvida á facultade.

Convidóuselles a presentarse individualmente no grupo (nome, estudos de orixe, motivación para cursar o mestrado...), antes de pasar a presentarlles cuestións xerais de organización docente (materias, profesorado, marcha xeral do curso...etc).

O encontro finalizou cun convite informal a café, zume, pastas e biscoito na propia sala, nun encontro interpersoal, antes de pasar a facer as correspondentes fotos de familia, tanto no interior como no exterior da facultade.

O estudantado deste curso está composto por titulados de diversos ámbitos (dereito, traballo social, educación social, psicoloxía, educación primaria, educación infantil...). Algúns proceden de universidades galegas, pero tamén doutras comunidades autónomas (unha estudante de Tenerife e outra de Asturias) ou, mesmo, de diversos países de Hispanoamérica. En concreto, hai 2 persoas bolseiras pola Fundación Carolina (unha procedente de República Dominicana, e outra procedente de Chile), así como unha persoa beneficiaria dunha Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior, da Xunta de Galicia, procedente da Arxentina. Tamén cursan o máster dúas persoas procedentes de Colombia. Todas e todos eles destacaron o seu interese por cursar a titulación polo carácter xenuíno da oferta formativa, orientada á intervención social, administrativa e xurídica coa infancia e adolescencia.

Alumnado acompañado pola coordinadora e a secretaria académica do mestrado.
   
Foto de familia.

O día 18 de setembro, ás 17.00 horas, o alumnado matriculado no Máster en Menores no curso 2025/2026 foi recibido pola Coordinadora (Prof. Teresa Estévez Abeleira) e a Secretaria Académica do mestrado (Prof. Marta García Mosquera), que lle deron a benvida á Facultade.

Convidóuselles a presentarse individualmente no grupo (nome, estudos de orixe, motivación para cursar o mestrado...), antes de pasar a presentarlles cuestións xerais de organización docente (materias, profesorado, marcha xeral do curso...etc).

O encontro finalizou cun convite informal a café, zume, pastas e biscoito na propia sala, nun encontro interpersoal, antes de pasar a facer as correspondentes fotos de familia, tanto no interior como no exterior da Facultade.

O alumnado deste curso está composto por titulados de diversos ámbitos (traballo social, educación social, psicoloxía, dereito, educación primaria, educación infantil...). Algúns proceden de universidades galegas, pero tamén doutras comunidades autónomas (unha estudante de Murcia) ou, mesmo, de diversos países de Hispanoamérica. En concreto, hai 2 persoas bolseiras pola Fundación Carolina (unha procedente de Nicaragua, e outro procedente de Panamá), así como outras 4 persoas beneficiarias dunha Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior, da Xunta de Galicia (tres delas, procedentes de Arxentina, e unha procedente do Uruguai).

Alumnado acompañado pola coordinadora e a secretaria académica do mestrado.
   
Foto de familia.
Intervención da conselleira de Política social e Igualdade da Xunta de Galicia, Dña. Fabiola García Martínez
 

O día 19 de setembro de 2024 tivo lugar na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o acto académico de inauguración do curso 2024/2025 no Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social, que se imparte na nosa Facultade (sendo esta a 16.ª edición).

Este ano están matriculados no mestrado un total de 27 persoas, entre as que se atopan dúas bolseiras da Fundación Carolina (unha alumna procedente do Salvador e outra de Cuba).

Ademais do alumnado de novo ingreso, o acto contou coa presenza dunha representación do profesorado que imparte docencia no título. Entre o público estivo tamén a Secretaria Xeral da Universidade, a prof.ª María José Bravo Bosch.

É de destacar a participación tanto do Reitor da Universidade, o prof. Manuel Reigosa Roger, como da Conselleira de Política social e Igualdade da Xunta de Galicia, Dna. Fabiola García Martínez, que nos seus respectivos discursos destacaron a formación que proporciona o mestrado.

Chegada da conselleira á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
   
A conselleira de Política social e Igualdade da Xunta de Galicia interven no acto de inauguración do curso académico 2024/2025 do Máster en Menores en presencia do Reitor da Universidade, Prof. Dr. Manuel Reigosa Rogel, da Vicedecana de Dereito, Prof.ª Dra. María Antonia Arias Martínez, da coordinadora do mestrado, a Prof.ª Dra. Teresa Estévez Abeleira, e da secretaria académica do título, Prof.ª Dra. Marta García Mosquera.
   
Autoridades, profesorado e alumnado asistente ao acto de inauguración do curso académico no Máster en Menores
Novo estudantado do curso 2023/2024
 

O día 14 de setembro de 2023 tivo lugar, ás 17:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o acto de Inauguración do curso académico 2023/2024 no Máster en Menores en situación de desprotección e conflito social, que foi presidido pola Secretaria Xeral da Universidade de Vigo, a Prof. Dra. María José Bravo Bosch.

Contou coa intervención da Valedora do Pobo de Galicia, Dna. María Dolores Fernández Galiño, así como do Decano da Facultade, o Prof. Dr. Francisco Torres Pérez, da coordinadora e secretaria académica do título, as Prof.ª Dras. Teresa Estévez Abeleira e Marta García Mosquera respectivamente, e da alumna Dna. Sofía Belén Durán González, en representación do alumnado.

No mesmo acto celebrouse a Gradación da XIV Promoción (curso 2022/2023).